1. Unha vez pasado o proceso de eleccións da xunta directiva, desde
a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra,
comezamos a artellar actividades para o curso 2023/2024.
- Certame de poesía e imaxe En galego, sen filtro. Se coñecedes ou
atopades algún poema nunha das infindas linguas do planeta,
agradecemos nolos enviedes. Agardamos as vosas propostas a través da
nosa dirección de correo electrónico cequipnormalizacion@gmail.com . O
prazo para a recepción de poemas está aberto até o 24 de novembro.
Debedes completar os seguintes datos co poema seleccionado e
precisamos a súa tradución ao galego. Atendendo ao espazo para as
impresións plásticas non poden ser poemas moi longos, ou ben escoller
estrofas ou anacos.
NOME DO POEMA (ou primeiro verso):___________________________
NOME DO OU DA POETA (Pode ser
Anónimo):____________________________
LINGUA:______________________________________
- O X certame Carmela Loureiro tamén está en marcha. A frase elixida
en asemblea para iniciar os microrelatos será "O que eu quero
aprender el non o sabe". Tan pronto saian as bases e teñamos datas
informamos. Coma nos dous cursos anteriores, enviaremos xa as bases
tipo antes da publicación no BOP para que podades ir traballando.
- O cinema en galego con “En galego, de película”, está sobre a mesa das
actividades que desenvolve política lingüística do concello de Ferrol en
colaboración connosco. Tan pronto saibamos datas comunicámolas.
- O XXXI festival A mocidade coa lingua, tamén se está cocendo. Será
unha cita no Auditorio de Ferrol o venres 22 de marzo de 2024 e no
que ademais dun grupo profesional participaredes todos aqueles centros
de secundaria, bacharelato e ciclos que o desexedes. Este ano seguimos
co requisito que: DEBEN SER 2 OBRAS (unha con música orixinal
sobre unha letra dunha poetisa ou poeta galego e outra con
música e letra orixinais). Avisaremos dos prazos e pasaremos os
formularios para que podades anotarvos. A idea de gravar un cd das
bandas seguiría facéndose ao vivo, na propia actuación. Por suposto
tamén avisaremos para todos aqueles centros, dos mesmos niveis, que
quixerades asistir como público.
2. - O ciclo de Teatro con G repetirá de novo e os centros poderán
representar no Teatro Jofre para o demais alumnado da cidade e comarca.
Pasaremos formularios para anotarvos como artistas e/ou como público.
- A festa dos maios, para escolares de infantil e primaria, Ferrol de Frores
Cuberto, tamén ten data, o primeiro venres do mes de maio (3 de maio
de 2024) e adiantaremos as novidades e a maneira de naotarse neste
florido e lingüístico-musical evento.
Informaremos de cada unha das actividades máis polo miúdo e
agradecemos as vosas propostas así como a colaboración na procura de
poemas. Lembrade que isto é posible grazas a todxs vós e que as vosas
ideas e axuda sempre serán benvidas a través das nosas canles de
contacto e por suposto, nas reunións nas que argallamos todo.
Atentamente, un saúdo.
“ ASOCIACIÓN LINGÜÍSTICO-CULTURAL “ COORDENADORA DE EQUIPAS DE
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA”
Atópanos, tamén, en Facebook e Twitter
Mil primaveras máis para a nosa lingua
O Secretario:
Asinado: Santiago Varela Pedreiro
De conformidade ao disposto na 15/1999 de Datos de Carácter persoal, informámolo que os datos de carácter
persoal recollidos neste documento forman parte dun ficheiro automatizado, propiedade de A. Cultural
“ Coordenadora de Equipas de Normalización”, cuxa finalidade é a realización de xestións administrativas e/ou
informativas sobre aspectos relevantes que atinxen á nosa lingua e á información daquelas actividades que realice a
Asociación. Vostede poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición, segundo o disposto
na lei, poñéndose en contacto connosco enviando un email á cequipnormalizacion@gmail.com